Malo será! promove a participación de novos guionistas no programa

O programa, producido por Tex45 Producións para a Televisión de Galicia, pretende enriquecer os seus contidos incorporando a un maior número de escritores galegos de sketches cómicos.

O pasado venres, Tex45 Producións recibiu nas súas instalacións de Ordes a máis de trinta guionistas galegos nun encontro informativo que serviu para achegar as claves da escritura de guións para Malo será! Sketches cómicos de ao redor de 1000 palabras, orientados á súa interpretación por parte de entre dous e cinco actores e actrices no programa.

O director do programa, Andrés Mahía, e o coordinador de guión, Óscar Cruz, valoraron a asistencia de tantos escritores interesados, incidindo na importancia de incorporar a maior variedade de voces posible no programa, co obxectivo de enriquecelo e consolidar o éxito que desde o pasado verán acumula na programación da Televisión de Galicia.