Tex45 produce ‘Aventúrate’, unha nova acción do Programa ABANCA Deporte Base

Desde o pasado mes de febreiro deportistas de elite achegan aos máis novos a súa experiencia. Iván Raña, Martín de la Puente e Sofía Toro relatan nestas charlas en Vigo, Compostela e A Coruña os seus percorridos profesionais.

O triatleta Iván Raña, o tenista paralímpico Martín de la Puente e a regatista Sofía Toro son os protagonistas dunha nova acción do Programa ABANCA Deporte Base. Trátase de ‘Aventúrate’, un ciclo de charlas no que estes deportistas de elite comparten cos máis novos a súa experiencia.

Iván Raña protagonizou no mes de febreiro no Auditorio ABANCA de Compostela, cunha importancia afluencia de participantes. O auditorio da sede de Afundación en Vigo acolleu a segunda actividade, co tenista Martín de la Puente, á que asistiron rapazas e rapaces de diferentes centros educativos da cidade olívica. En marzo o auditorio de Afundación recibiu a Sofía Toro, que compartiu co público a súa experiencia como medallista olímpica.

Estas charlas complementaranse nos próximos meses cunha serie de actividades nas que os propios deportistas achegarán dun xeito práctico algúns consellos a rapazas e rapaces que practican estas disciplinas.

Tex45 Producións encárgase non só da produción e organización destes eventos, senón tamén da conceptualización e o deseño da marca ‘Aventúrate’.