Tex45 produce o anuncio de Nadal de ABANCA

“Algunhas historias de Nadal xóganse todo ano” é o título dunha peza enmarcada no Programa ABANCA Deporte Base, que o banco promociona desde o verán.

Creado e dirixido por Andrés Mahía, é unha sucesión de coidadas historias que relacionan o deporte co Nadal desde o punto de vista dos máis pequenos. Un neno que volvendo de adestrar atopa o buzón para botar a carta dos Reis, unha nena que agarda a chegada do seu irmán polas festas para contarlle o seu último éxito deportivo, e un pequeno xogador de rugby que pousa sobre a cuna da súa irmá pequena o balón querendo darlle o relevo son os protagonistas da peza, de corenta e cinco segundos de duración, gravada o pasado mes de novembro na Coruña, Vigo, Lalín e Bastiagueiro.

A publicación deste spot enmárcase no interese de ABANCA por visibilizar o seu apoio ao deporte base en Galicia a través dun programa do que na actualidade se benefician a 14.611 deportistas de 1.325 equipos en 25 disciplinas diferentes.

O spot contou na dirección de fotografía con Lucía C. Pan e na dirección de arte con Suso Montero e Noela Gutiérrez. A música é de Manuel Riveiro, recentemente nomeado ao Premio Goya, e a posprodución de son de Iván Laxe e Santi Jul.